Son moitas e variadas as actividades que se desenvolven neste centro:

  • Escola de danzas e gaitas
  • Conxunto de danzas e gaitas e cantareiras
  • Fútbol
  • Xogos de salón
  • Xuntanzas gastronómicas, etc

Pero, sen dúbida, a actividade do conxunto de música e danzas tradicionais galegas “Lembranzas da Terra” é unha das máis importantes e representativas dentro do funcionamento da sociedade.

O grupo foi fundado en decembro de 1979 por un grupo de excoristas, músicos e bailaríns da desaparecida “Coral Rosalía de Castro” e apadriñado desde hai 19 anos polo Centro Lalín.

Na actualidade está formado por unhas 40 persoas que participan nas distintas actividades que se levan a cabo: grupo de música tradicional (gaitas e percusión), corpo de baile (infantil e xóvenes-adultos) e cantareiras.

No ano 2004 festexaron o seu 25º aniversario cunha actuación no Teatro Castelao onde fixeron un percorrido por algúns dos momentos máis significativos da traxectoria da agrupación a través dos seus bailes, a súa música e a homenaxe aos seus fundadores. Outra actuación destacada é a participación no festival artístico que se celebra na capital dentro dos actos do Mes de la Hispanidad”

Anualmente editan a revista “Centro Lalín” que recolle as actividades e actos que levan a cabo, ademáis de interesantes reportaxes adicados na súa maioría á comarca do Deza.

O seu equipo de fútbol participa en distintos torneos que se celebran entre a colectividade, particularmente nos CODECE que organiza a Federación de Sociedades Españolas en Argentina e que se desenvolven ao longo de tres meses, tamén dentro dos actos que se celebraron con motivo do “Mes de la Hispanidad”.

Entre as actividades sociais que se desenvolven no centro, cabe destacar que nesta institución asesoran a gran cantidade de persoas sobre a tramitación e documentación necesaria para acceder ás axudas e pensións asistenciais, sobre os diversos programas que anualmente convoca a Consellería de Emigración da Xunta de Galicia e tamén dos programas para españois no extranxeiro convocados polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais.

Ademais participa e colabora, xunto con outras entidades galegas, en actos culturais e sociais para recadar fondos destinados ao Hogar Gallego para Ancianos de Domselaar, de Bos Aires.

O Centro Lalín de Buenos Aires é membro da Unión de Asociaciones Gallegas de la República Argentina, desenvolvendo neste sentido actividades culturais e recreativas conxuntas nun marco de integración.

Como actividades recreativas, salientar a celebración, cada 25 de xullo (Día de Galicia) do Aniversario da fusión; Nosa Señora da Saleta (segunda quincena de setembro); San Antonio, San Pedro e os Dolores.