Centro fundado o 25 de xullo de 1982. O propósito que animou aos seus fundadores foi o de agrupar nun só centro ás distintas sociedades do partido xudicial de Lalín constituídas en Buenos Aires, en base ao escaso e case nulo caudal migratorio que naquela época se viña rexistrando.
Na Asamblea Xeral Ordinaria celebrada o 25 de agosto de 1984 aprobaron por unanimidade, a integración neste centro das sociedades Asociación Hijos del Partido de Lalín, Asociación Hijos de Silleda, Asociación Unión del Partido de Lalín e Sociedad Hijos del Ayuntamiento de Golada y sus contornos.
A Asociación Hijos del Partido de Lalín, fundada o 7 de agosto de 1908, é a institución considerada decana dentro das súas similares na Arxentina. Pola proximidade co Centro Gallego de Buenos Aires, polo gran número de socios que tivo nas súas mellores épocas e polo traballo feito ó longo da súa existencia é considerada unha das asociacións de máis renome de Hispanoamérica.
Os motivos da súa fundación foron os de axudar a facer obras na vila de Lalín, entre as que se poden contar: o cimiterio, o Hospitalillo (na actualidade Instituto de Formación Profesional), monumentos a diversos personaxes (Joaquín Loriga e Ramón Aller), así como os grupos escolares de Barcia, Villanueva, Prado, Sotolongo.
As asociacións Hijos de Silleda, fundada o 15 de agosto de 1908, Unión del Partido de Lalín, fundada o 30 de xaneiro de 1921 e a Sociedad Hijos del Ayuntamiento de Golada y sus contornos fundada o 20 de xullo de 1930 tiñan idénticas características e os mesmos fins sociais, culturais e recreativos que Hijos del Partido de Lalín.
Todas estas sociedades por resolución unánime dos seus socios resolveron integrarse no Centro Lalín de Buenos Aires con todo o seu caudal humán e bens e en igualdade de condicións, para desenvolver a mesma actividade para a cal foron fundadas.
O Centro Lalín é pois a institución continuadora destas catro sociedades case centenarias e que automáticamente o converten no verdadero receptor do seu rico historial.
A sede social, en propiedade, conta cun gran salón, escenario, restaurante, secretaria e presidencia. Contan tamén cun campo de recreo en Belgrano 1001, de San Isidro (Provincia de Buenos Aires).
Á entidade foille outorgada a condición de galeguidade o 17 de setembro de 1992, (DOG nº 278/92, nº 190 do 29 de setembro) e conta na actualidade con 920 socios, dos cales 487 son galegos.
É membro da Unión de Asociaciones Gallegas de la República Argentina.